O micromecenado alcanza o mínimo estipulado para iniciar os traballos do filme. Agora imos a polo óptimo!
Grazas ao apoio de 261 persoas, a campaña de micromecenado lanzada para financiar a gravación do documental Reboiras Acción e corazón alcanzou en 20 días o mínimo de financiación necesario para iniciar os traballos.
O filme, dirixido por Alberte Mera e producido pola Fundación Terra e Tempo, será a primeira longametraxe en narrar a vida de Moncho Reboiras, xoven nacionalista asasinado polo réxime franquista na Galiza a 12 de agosto de 1975.
A data de estrea será en 2020, cando se fagan os 45 anos da súa morte.
Nas últimas semanas, a Fundación Terra e Tempo conseguiu recadar 12.200 €, a cantidade mínima estipulada para garantir a produción satisfactoria da primeira longametraxe sobre Moncho Reboiras da que se comezou a rodaxe na semana pasada.
Agradecidas polo apoio recibido a través das 261 doazóns, a Fundación espera acadar no próximo mes a cifra de 20.000 euros, que é a cantidade de financiamento óptima para levar a bo porto o proxecto, que conta tamén cunha axuda da Deputación da Coruña, conseguida en concorrencia competitiva.
Os fondos recadados utilizaranse para desenvolver as actividades de filmación e produción do filme, así como sufragar os gastos da equipa técnico profesional involucrada. O fin último é reconstruír e difundir a memoria de Reboiras, figura chave na loita antifranquista na Galiza, alicerce de múltiples frentes de actuación do nacionalismo e de auto organización do pobo galego, a través de diversos materiais: entrevistas a persoas que compartiron con el momentos persoais e de traballo militante; recreacións ficcionadas de momentos clave na síua vida, como os últimos momentos do 12 de agosto en Ferrol, e a compilación de materiais de arquivo xa coñecidos e outros reunidos durante os traballos de documentación.
Nesta segunda etapa de financiamento colectivo, na que se quere chegar aos 20.000 euros, a Fundación Terra e Tempo segue ofrecendo onsequios para as persoas doantes. Todas elas serán consideradas colaboradoras e aparecerán nos agradecementos nos créditos do documental. Ademáis, quen aporte 20 euros ou máis recibirá unha copia física do documental, xunto á reedición do libro Moncho Reboiras, o nacionalismo galego nos anos 70. Outras das recompensas, dependendo da contía doada, son as Obras escollidas de Bautista Álvarez en 3 volumes, o documental Cine Clube Carlos Varela, de Ramiro Ledo e a serigrafía numerada e asinada Xurdeu a luz nunha longa noite de pedra, de Xoán Guerreiro. Ademais, tamén poderán conseguirse pases para asistir a dúas sesións de rodaxe.