Recuperarmos a memoria galega, un labor colectivo
A longametraxe documental ‘Reboiras. Acción e corazón’ constrúe a memoria de Xosé Ramón Reboiras Noia a través de testemuños de persoas que o coñezeron de primeira man, de secuencias ficcionadas que revivirán momentos de grande relevancia na súa vida e a través de fotografías, documentos e fragmentos audiovisuais dos anos 70.
O filme utilizará así varios tipos de recursos propios do xénero documental para retratar o compromiso coa defensa da soberanía galega de Moncho Reboiras.
Somos sabedoras e sabedores da dificultade de contarmos con material gráfico e audiovisual do momento, dado que a represión da ditadura franquista e máis a carestía de material técnico audiovisual facían moi complicado poder realizar naquela altura un traballo de documentalismo sobre o movemento nacionalista e antifranquista.
Así pois, facemos un chamamento a todas aquelas persoas que garden filmacións ou fotografías nas que poidamos apreciar escenas da loita democrática coetáneas á época de actividade de Moncho Reboiras e que quixeran colaborar con este exercicio de recuperación e posta en valor da historia reciente da Galiza.
Os fondos recadados utilizaranse para desenvolver as actividades de filmación e produción do filme, así como sufragar os gastos da equipa técnico profesional involucrada. O fin último é reconstruír e difundir a memoria de Reboiras, figura chave na loita antifranquista na Galiza, alicerce de múltiples frentes de actuación do nacionalismo e de auto organización do pobo galego, a través de diversos materiais: entrevistas a persoas que compartiron con el momentos persoais e de traballo militante; recreacións ficcionadas de momentos clave na síua vida, como os últimos momentos do 12 de agosto en Ferrol, e a compilación de materiais de arquivo xa coñecidos e outros reunidos durante os traballos de documentación.
Esta é unha das dificuldades que afronta este traballo documental e que gostariamos de afrontar coa colaboración de todas as persoas que respondan a este chamamento.