Brook Preloader

Xa nas librarías ‘Moncho Reboiras. Das ideas aos feitos’, a nova publicación de Terra e Tempo que inclúe o DVD de ‘Reboiras. Acción e corazón’

Xa nas librarías ‘Moncho Reboiras. Das ideas aos feitos’, a nova publicación de Terra e Tempo que inclúe o DVD de ‘Reboiras. Acción e corazón’

Moncho Reboiras. Das ideas aos feitos reúne máis de 30 artigos e poemas de autoras e autores que reflexionan sobre a vida e legado de Xosé Ramón Reboiras Noia, nunha obra que achega imaxes de arquivo, unha completa fotobiografía de Reboiras e unha banda deseñada. A publicación inclúe un apéndice sobre o filme Reboiras. Acción e corazón e o DVD da película. Xa está á venda nas librarías da Galiza.

Máis de 30 artigos rescatan a vida e legado de Xosé Ramón Reboiras Noia na nova publicación de Terra e Tempo: Moncho Reboiras. Das ideas aos feitos. O volume inclúe imaxes de arquivo da loita nacionalista nos anos 70, unha completa fotobiografía de Reboiras e unha banda deseñada. A publicación vai acompañada dun apéndice sobre o filme Reboiras. Acción e corazón e inclúe o DVD da película.

Xa está á venda nas librarías da Galiza. No caso de non teren exemplares dispoñíbeis, as librarías pódeno encargar ao Consorcio Editorial Galego. Tamén o podes mercar na web do Consorcio.

A continuación reproducimos o artigo publicado por Cilia Torna en Nós Diario sobre esta obra.

Moncho Reboiras e o seu tempo saen á luz

A Fundación Terra e Tempo vén de dar voz a unha parte das persoas que partillaron loita e militancia con Moncho Reboiras. A publicación, titulada Moncho Reboiras. Das ideas aos feitos dá continuidade ao filme documental de Alberte Mera, Reboiras. Acción e corazón e a un volume anterior editado pola mesma fundación en 2009 baixo o nome Moncho Reboiras. O nacionalismo galego nos 70.

“Fronte ao silencio cómpre difundir a memoria e manter o testemuño vivo”, sinalan os coordinadores deste número do Terra e Tempo dedicado a Moncho Reboiras, Alberte Mera e Roberto Vilameá, quen pretenden que “cada lector que abra estas páxinas axude tamén co seu gran de area á transmisión da memoria colectiva do pobo galego e sexa tecedor da mesma, fronte ao silencio: o poder da memoria e a palabra”. 

Mera e Vilameá consideran que “45 anos despois do asasinato de Xosé Ramón Reboiras Noia fica aínda un manto de silencio sobre a súa figura” así como “unha débeda pendente con Moncho Reboiras e cunha xeración de galegas e galegos nacionalistas que arriscaron toda a súa mocidade -incluíndo a súa propia vida- para enfrontar a ditadura, organizar o pobo galego e pelexar pola liberdade con maiúsculas, isto, é a dos dereitos individuais e dos dereitos colectivos”.

En relación con esta xeración, a publicación recolle o testemuño de quen fora o fundador e dirixente do BNG e da UPG, Bautista Álvarez, falecido hai máis de tres anos, quen deixou escrito aqueles “eran tempos nos que os liderados se gañaban non na tribuna, senón no campo de batalla. Non había laureados. Só prisión, tortura ou morte”.

Algúns dos membros desa xeración de nacionalistas da que falan Mera e Vilameá recuperan en primeira persoa para o volume Moncho Reboiras. Das ideas aos feitos a súa relación co dirixente da Unión do Povo Galego (UPG) e a súa participación na loita nacionalista durante a ditadura franquista.

Precisamente, foi na década dos 70 cando o que nacionalismo galego sentou as bases doutrinais sobre as que se veu operando até a actualidade, formulou a súa proposta táctica e estratéxica, plasmou na práctica o principio de autoorganización e púxose a obra de artellar as organizacións de masas.

Autoras e autores

A estas cuestións e á figura de Reboiras dedican os traballos as persoas que participan no volume. Os artigos están asinados por Manuel Reboiras, Bautista Álvarez, Francisco Carballo, Ramón Múñiz de las Cuevas, Alexandre Martínez, Lita Martínez, Alfredo Suárez Canal, Fernando Souto Guinarte, Francisco Luís Rodríguez Guerreiro, Luís Pérez Rivas, Francisco Rodríguez, Xoán López “Lito”, Lois Diéguez, Lois Ríos Paredes, Inácio Hernando Nuevo, Manuel Mera, Xosé Manuel Pavón, Margarita Ledo, Manuel Fernández Rodríguez, Marisa Canto, Saleta Goi, Nemesio Barxa, Marisa Vázquez Barquero, Marisol García Juárez, Xesús Seixo, Xabier Alonso, Xesús Chaves, Xosé Lois Ledo, Xosé Lois Salvadores e Xosé Moa.

Moncho Reboiras. Das ideas aos feitos pon o ramo ao volume con diversas achegas literarias e artísticas en homenaxe ao nacionalista asasinado polo franquismo, así como unha fotobiografía que amosa un importante número de imaxes até agora descoñecidas para o público, cedidas para a publicación grazas á xenerosidade da familia de Reboiras. Así, recóllense poemas da autoría de Darío Xohán Cabana, Lois Diéguez, Xosé Luís Méndez Ferrín e Manuel María, ademais dunha banda deseñada de Alfredo López ‘Tokio’ e un fragmento da peza Cantiga do amor fendido, escrita e musicada por Antón Seoane.

Pola súa banda, a galería fotográfica permite coñecer o Reboiras máis humano, o neno de Imo, o fillo de Xenerosa do Bar Noia de Vigo, o mozo alegre que se inicia na política clandestina ou o rapaz que troulea e participa da actividade cultural galega.

A nova achega da Fundación Terra e Tempo a Moncho Reboiras abre novos camiños para avanzar na restauración desta figura chave do movemento nacionalista.

Segundo sinala a Nós Diario o presidente da entidade promotora da publicación, Roberto Vilameá, “a carón do traballo militante de Reboiras nas estruturas orgánicas da UPG e nas organizacións sociais, con especial dedicación ao ámbito cultura e sindical, cómpre avanzar na recuperación da súa obra política e xornalística. Malia que na súa práctica totalidade non aparece asinada co seu nome e moita dela é resultado dunha elaboración colectiva, a divulgación da mesma vai permitir un mellor coñecemento do corpo doutrinal do nacionalismo galego”.